"MELOMANIA": 2010/10

2010/10/28

Melendi: Novo disco á venda o 2 de novembro.

O próximo 2 de novembro publicarase o novo álbum de Melendi "Volvamos A Empezar", o seu quinto disco de estudio. Un disco máis contundente, no que o artista dá un paso máis na evolución natural cara ao seu lado máis rockeiro, conservando a temática das cancións, que como sempre son do día ao día. Un álbum no que ademais, vólvenos a demostrar que é, sen ningunha dúbida, un dos intérpretes e compositores máis importantes do panorama musical latino.
Melendi volveu a contar nesta ocasión co produtor Jose Castro "Jopi" para a gravación do álbum. O disco está formado por 12 temas + un ghost track. O primeiro single deste disco é "Barbie De Extrarradio".



www.melendi.com.es

2010/10/26

The Jimi Hendrix Anthology: Á venda o 15 de novembro.

O 15 de novembro de 2010 publícase "West Coast Seattle Boy: The Jimi Hendrix Anthology", unha impresionante edición especial sobre a obra do mítico guitarrista que é moito máis que unha antoloxía. Son 4CD+1DVD que percorren a incrible traxectoria de Jimi Hendrix desde os seus tempos como músico acompañante de artistas de R&B ao seu ascenso a estrela internacional con abundantísimo material inédito, gravacións caseiras, tomas alternativas, sesións de gravación descoñecidas, etc. É o Jimi Hendrix máis buscado e descoñecido.
Esta colección presenta por primeira vez as buscadísimas gravacións de Hendrix pre-Experience como músico a soldo de estrelas do rhythm & blues como The Isley Brothers, Don Covay ou Little Richard, entre outros, nas gravacións verdadeiras, eliminando aquelas que se han presentando falsamente ao longo dos anos como "tocadas por Hendrix".
Son catro horas dun Jimi Hendrix inédito e descoñecido. O DVD inclúe a historia da vida de Hendrix contada por el mesmo co baixista de funk Bootsy Collins como condutor desta autobiografía en imaxes. Ademais, imaxes nunca vistas e fotos do arquivo familiar de Hendrix, os últimos debuxos realizados polo guitarrista, cartóns postais procedentes da casa do seu pai, esbozos manuscritos de cancións, letras e moita memorabilia máis nun DVD de 90 minutos de duración.

2010/10/25

Russian Red: Dúo con Elvis Presley!

Russian Red canta a dúo con Elvis Presley unha sorprendente e respectuosa versión da canción "Love Me Tender", incluída na edición española do disco "Viva ELVIS-The Album", que se publica o 9 de novembro de 2010. A canción "Love Me Tender" co dúo Elvis Presley-Russian Red ponse á venda dixital tamén o 9 de novembro.
O "Love Me Tender" de Elvis Presley e Russian Red escápase dos "dúos virtuais" ao uso porque a nova versión é moi diferente á clásica que coñecemos de Elvis. Totalmente nova, excepto a voz de Elvis, con arranxos e instrumentación orixinais e moi adecuados ao tema, comeza a piano e corda, para introducir unha guitarra acústica e a voz de Russian Red case "ao espido". Aos poucos aparecen máis instrumentos nunha recreación de gran lirismo e emoción. Tras un cambio de ton, soa a voz de Elvis Presley tamén cun sinxelo acompañamento, á que se une a de Russian Red para continuar coa mesma intimidade até o final.

www.russianred.es

2010/10/22

Taylor Swift: Novo disco "Speak Now", á venda o 25 de outubro.

O esperado novo álbum de Taylor Swift, "Speak Now", sae á venda este próximo luns 25 de outubro en dixital e á mañá seguinte en formato físico.
"Speak Now" edítase en dous formatos:
 - Edición Estándar (14 novas cancións)
 - Edición Deluxe-2CD (Con temas extra, versións acústicas corte multimedia con imaxes exclusivas, e vídeo  de "Mine".
Taylor planeou unha semana cos seus fans en ambas as costas americanas para lanzar o álbum. O 25 de outubro un grupo de 250 fans gañadores de concursos realizados en todo o mundo (entre eles un Español) uniranse a Taylor nunha actuación privada no Metropolitan de Nova York. O evento verase vía streaming na web de MTV (www.mtv.es en España) a partir das 9 da mañá do martes 26 de outubro.
Doutra banda, Taylor Swift acaba de confirmar o seu primeiro e único concerto en España para o 19 de marzo de 2011 en Madrid (Palacio de Deportes). As entradas poranse á venda a partir do 27 de outubro.

www.taylorswift.com

2010/10/21

Take That: Novo disco "Progress" coa formación orixinal!

Take That revelaron xa os títulos dos seus 10 novos temas do seu esperado álbum "Progress" que se pon á venda o 22 de novembro en dixital e o 23 en formato físico:

1. The Flood  
2. SOS
3. Wait
4. Kidz
5. Pretty Things
6. Happy Now
7. Underground Machine
8. What Do You Want From Me?
9. Affirmation
10. Eight Letters

Take that, volven por fin ao completo con todos os membros fundadores. A reunión de reunións tivo lugar en New York o pasado setembro, despois da exitosa xira "The Circus Live", xira que bateu todas as marcas de venda de entradas. Pouco despois, a formación orixinal de Take That empezou a escribir e gravar as seis cancións que sentaron as bases para o próximo álbum que, ademais foi producido por Stuart Price.

www.takethat.com

2010/10/20

My Chemical Romance: Novo disco en novembro!

"Na Na Na (Na Na Na Na Na Na Na Na Na)" é o primeiro single do cuarto álbum de estudio de My Chemical Romance "Danger Days: The True Lives of the Fabulous Killjoys" que sairá á venda o próximo 23 de novembro. Rob Cavallo, que produciu o álbum "The Black Parade" así como os discos de Dave Matthews Band, Jawbreaker, e The Goo Goo Dolls, entre outros moitos, volveu a traballar co grupo.
O single está dispoñible en todas as plataformas dixitais desde o pasado 28 de setembro. É o primeiro tema que o grupo edita desde que en outubro de 2006 sacaron á venda o seu álbum, "The Black Parade", o cal alcanzou a segunda posición no Billboard e co que venderon máis de 240.000 copias na primeira semana do seu lanzamento.

www.mychemicalromance.com

2010/10/19

Rokstarr: O álbum de Taio Cruz, por fin á venda!

O esperado álbum de Taio Cruz contén os éxitos que xa todo o mundo coñece: "Break your Heart" e "Dynamite" e moitos outros que aínda quedan por descubrir como son "Dirty Picture" coa colaboración estelar de Paulina Rubio ou "Higher" entre outros. Até un total de 12 hits que seguro tamén arrasarán en todas partes completan este "Rokstarr" que sae hoxe á venda.
Taio Cruz é o produtor, cantante e compositor que está de moda en todo o mundo, e está considerado o novo embaixador do Pop.

www.taiocruzmusic.co.uk

2010/10/14

Joe Satriani: Xira española.

Joe Satriani chegará ao noso país presentando o seu novo traballo "Black Swans & Wormhole Wizards "que sairá á venda o próximo mes de novembro no noso país.
Joe Satriani foi un "guitar hero" mundial desde que editou o seu disco revelación no ano 1987, "Surfing With the Alien". Hoxe, despois de vender máis de 10 millóns de discos e recibir 14 nomeamentos de Grammy, Joe segue marcando tendencias na escena da guitarra.
A xira que traerá a Joe Satriani a España e na que participasen convidados moi especiais arrincará no próximo novembro e presentaranos o seu novo lanzamento Black Swans & Wormhole Wizards. Estas son as datas:

Cidade: Barcelona.
Data: 17 de novembro 2010
Sala Apolo
Prezo Entrada: 35 Euros.

Cidade: Madrid.
Data: 18 de novembro 2010
La Riviera
Prezo Entrada: 35 Euros.

Cidade: Bilbao
Data: 20 de novembro 2010.
Sala Rockstar (Barakaldo)
Prezo Entrada: 35 Euros.

Entradas á venda na rede TicketMaster.

www.satriani.com

2010/10/06

Salmah: "Ya es la hora", 1º single da sevillana!

É a hora de Salmah.  A hora desta nova artista que chega desde Sevilla. A estrea do seu primeiro single "Ya es la hora" é o adianto do seu álbum homónimo, que sairá á venda o próximo mes de novembro. O seu debut discográfico é un canto en defensa da natureza e a sustentabilidade ambiental no noso planeta. As cancións de Salmah van do pop dance máis actual ás baladas e os temas con ritmos máis próximos ao funky e ao R&B.
Este primeiro traballo de Salmah ten unha conexión moi especial cun mundo de fantasía no que non existe a fronteira entre a realidade e a ficción. Unha historia de aventuras na que a artista interpreta a un personaxe símbolo da loita ecoloxista nun mundo caótico.



www.salmahstar.com

2010/10/05

Merche: O seu álbum "Acordes de mi diario" xa á venda!

Xa está dispoñible en todas as tendas ou novo traballo discográfico de Merche: "Acordes de mi diario". Un novo álbum formado por 12 temas inéditos compostos pola propia Merche. Deste xeito, consegue plasmar e reflectir os trazos da súa personalidade en cada unha das cancións.
As influencias andaluzas que bebe da súa terra, o rock, o pop e mesmo o soul, todo visto a través dos ollos de Merche, mestúranse nun coctel de son impactante que conta cos arranxos do seu compañeiro musical de sempre, Fidel Cordero e a produción de Sebastian Krys, gañador de 11 Grammys.
O álbum entrou directamente ao nº 3 en I-tunes onde tamén se pode mercar cun tema totalmente inédito.

www.mercheweb.com

2010/10/04

Bruce Springsteen: O 16 de novembro un pack con 3CD+3DVD/Blue Ray

O 16 de novembro, Bruce Springsteen publica "The Promise: The Darkness on the Edge of Town Story". Esta edición de luxo contén máis de seis horas de película e máis de dúas horas de audio repartidas en 3CD+3DVD, todo incluído nun pack especial cun libreto de 80 páxinas con facsímiles dos cadernos orixinais de Springsteen das sesións de gravación, letras alternativas, ideas sobre as cancións, detalles da gravación e notas persoais, ademais dun novo texto do artista e fotografías inéditas.
Con material nunca publicado, "The Promise: The Darkness on the Edge of Town Story" ofrece unha perspectiva sen precedentes do proceso creativo de Springsteen nun momento clave da súa carreira. Esta edición lánzase tamén en 3CD+3 Blu Ray. Ao mesmo tempo, tamén se publica "The Promise", unha edición que reúne só as cancións inéditas en 2CD ou 4LP e inclúe as letras e o novo texto de Springsteen.
A canción inédita "Save My Love" e un resumo do documental pódense escoitar e ver en streaming na páxina web de Springsteen.
A edición de luxo inclúe "Darkness on the Edge of Town" remasterizado dixitalmente por primeira vez.

www.brucespringsteen.net