"MELOMANIA": 2011/07

2011/07/21

Metronomy: Novo álbum en setembro

O grupo inglés Metronomy vén de anunciar o lanzamento do seu terceiro álbum, "The English Riviera", que sairá á venda en formato CD o próximo 6 de setembro no noso país. O disco contén as saturadas atmosferas dos mellores Broadcast, a mimética sutileza de Stereolab e o poderío pop con arrebatos slow-funk de Vampire Weekend; e todo co elegante xesto de quen se sabe mellor: Agora mesmo son "o grupo inglés".
O futurismo retro que destila a produción do disco, infestado de sintes analóxicos e ecos de cinta filtrando toda clase de instrumentos, engade máis valor ao traballo compositivo. Un traballo de minimalismo sobresaliente co que pór ao persoal a bailar. As cancións cravaranse na cabeza de quen as escoita sen que se decate. Para mostra un botón: Esta mesma semana estes mozos acaban de ser nomeados ao Mercury Price como "Mellor Álbum do Ano" por "The English Riviera", competindo con PJ Harvey, James Blake, Adele ou Tinie Tempah, entre outros.

2011/07/20

"Dragonflies", o traballo en conxunto de Jose Padilla e Kirsty Keatch

José Padilla, pai espiritual do son de Eivissa e impulsor dos prestixiosos e mundialmente coñecidos recompilatorios orixinais de Café del Mar, regresa tras anos de silencio discográfico acompañado da moza escocesa Kirsty Keatch.
"Dragonflies" é a súa nova creación e single adianto do álbum "Two Hearts" que se publicará despois do verán. Esta canción vén acompañada de tres remixes a cargo de Cantoma, Coyote e Silent Poets.
Unha gran canción para este verán feita cun indubidable bo gusto.

Xa podes ver o videoclip de "Dragonflies" facendo "click" aquí.


www.warnermusic.es

2011/07/19

"Benvolgut", novo vídeo de Manel

Afeitos colgar o cartel de "Entradas Esgotadas" na inmensa maioría dos seus concertos, Manel roubaron tempo á súa maratoniana xira española para rodar o vídeo-clip da canción que abre o seu novo disco e, non por casualidade, pecha o corpo central do seu repertorio en directo. Trátase de "Benvolgut", favorita dos seus fans e materia prima dunha peza cinematográfica que estrean hoxe mesmo, 19 de Xullo, na súa propia web www.manelweb.com
Rodado en 16 milímetros e localizado nun bosque de abetos douglas situado no parque natural do Montseny, "Benvolgut" certifica o talento de Sergi Pérez, quen xa dirixiu para o grupo "Dona Estrangera". Protagonizado pola propia banda, este clip, que lembra en certa medida o gran cinema clásico, ilustra metaforicamente unha canción que fala desa presenza tácita na vida de todos que é a ex-parella do teu compañeiro/a sentimental.



www.manelweb.com

2011/07/18

Novo traballo de Red Hot Chili Peppers

Xa se pode escoitar en todas as radios a nivel mundial o novo single de Red Hot Chili Peppers "The Adventures of Rain Dance Maggie", que estará á venda a partir de mañá en todas as plataformas dixitais. Este single é un adianto do seu décimo traballo de estudio "I'm With You" que se publicará o próximo 30 de agosto. O álbum leva o selo de Rick Rubin, quen xa traballou coa banda en cinco álbums anteriores.
"I'm With You" é o primeiro que editan desde "Stadium Arcadium", que debutou na primeira posición de vendas en 28 países, incluído USA onde conseguían por primeira vez alcanzar o Nº 1. Fixeron unha xira mundial con este álbum ao longo de 2006/07 na que conseguiron esgotar entradas nos principais estadios de Europa e Norte América, incluídos dous Palau Sant Jordi e un Palacio de Deportes. Actuaron nos festivais Fuji de Xapón e Live Earth en Londres, e foron cabezas de cartel no Lollapalooza de Chicago, e nos festivais de Leeds e Reading en Reino Unido.
A banda chegará co seu directo a España en decembro, o 15 no Palau Sant Jordi de Barcelona e o día 17 no Palacio de Deportes da Comunidade de Madrid.


www.redhotchilipeppers.com

2011/07/14

Michael Bolton actúa hoxe en Segovia

Hoxe, 14 de xullo, Michael Bolton actúa no Festival Internacional de Música e Danza do Real Sitio en Segovia. É o concerto dunha das grandes voces da escena pop dos últimos tempos, que acaba de publicar en España (só en edición dixital) o seu 21º álbum de estudio titulado "Gems: The Duets Collection".
Neste disco, Michael Bolton canta con artistas como o supergrupo country Rascal Flatts, Seal, a sensación australiana Delta Goddrem ou a falecida vocalista Eva Cassidy. En "Gems: The Duets Collection", Michael Bolton canta as seguintes cancións con estes artistas:

"Love Is Everything" con Rascal Flatts
"Fields Of Gold" con Eva Cassidy
"Sajna" con A.R. Rahman
"Pride (In The Name Of Love)" con Anne Akiko Meyers
"I'm Not Ready" con Delta Goodman
"Somewhere Over The Rainbow" con Paul Fernandes
"When A Man Loves a Woman\It's a Man's, Man's, Man's World" con Seal
"The Prayer" con Lara Fabian
"You Are So Beautiful" con Chris Botti
"Make You Feel My Love" con Helene Fischer
"Hallelujah" con The Michal Bolton Children's Choir
"Steel Bars" con Orianthi


www.michaelbolton.com

2011/07/12

Maná estrea hoxe o seu novo video-clip "Amor Clandestino"

O grupo mexicano Maná estrea hoxe o seu novo vídeo clip "Amor Clandestino", o segundo sinxelo do seu último álbum "Drama y Luz" que foi todo un éxito en vendas a nivel mundial.
Dirixiuno Pablo Croce, gañador dun premio MTV polo vídeo "Labios Compartidos" de Maná, nomeado 4 veces ao Grammy Latino e 6 veces ao Billboard, traballou anteriormente para outras grandes figuras da música en español como: Juanes, Celia Cruz, Julio Iglesias, Juan Gabriel e Aventura, entre outros.
Orgullosamente mexicanos, Maná gravou o vídeo de "Amor Clandestino" durante dous días, nun dos edificios icónicos da Cidade de México, o Teatro Ópera, o cal no vídeo será escenario dunha festa "clandestina".
O vídeo clip desenvólvese ao redor de 3 historias de amor "clandestinas": un mozo e unha muller maior, unha moza namorada de dous mozos, e un home namorado dunha bailarina exótica; mentres, Maná lévannos até unha festa underground onde se coñecerá o desenlace destas historias.
Fher, Alex, Juan e Sergio actualmente atópase na xira de concertos de "Drama y Luz" e chegarán a España o 9 de setembro. O primeiro concerto será en Murcia e posteriormente será a quenda de Málaga, Madrid, Barcelona, Bilbao, Las Palmas de Gran Canaria e Tenerife.



www.mana.com.mx

2011/07/11

Sôber estrea novo single e vídeo: "Náufrago"

Sôber aparece diferente no vídeo de "Náufrago", o novo single do seu álbum "Superbia". Diferente ao que é habitual na banda madrileña é tamén o comezo con sonoridades acústicas desta excelente canción, que Sôber interpreta nunha habitación con imaxes que se alternan coas de dous mozos loitando en barcos que un imaxina de papel e na auga, case como nun conto infantil de aventuras, nun vídeo que mestura soño e realidade.
"Náufrago" é unha das grandes cancións de "Superbia" (entrou directo ao nº2 na lista dos álbums máis vendidos en España), cunha lírica especial, afastada dos ritmos duros e binarios que adoitan marcar a música da banda.



www.soberweb.com

2011/07/08

Lenny Kravitz regala unha canción nova na súa web

Lenny Kravitz colgou na súa web www.lennykravitz.com unha nova canción, titulada "Rock Star City Life", que se poderá descargar gratuitamente durante as próximas 24 horas.
O novo álbum de Lenny Kravitz leva o título de "Black And White America".  Este é o primeiro disco de Kravitz con Roadrunner Records tras publicar 8 discos e vender 35 millóns de copias en todo o mundo.
O novo disco é Kravitz 100%. Unha colección de cancións que navegan por varios estilos co funk rock como denominador común. Dezaseis cancións coas melodías e riffs de guitarra clásicos de Lenny Kravitz, un artista que ao longo dunha carreira de 20 anos, desenvolveu un estilo propio admirado por millóns de fans en todo o planeta.
"Black And White America" foi gravado en estudios de Paris e Bahamas e foi escrito, producido e arranxado polo propio Kravitz.
O single de lanzamento do disco titúlase "Stand" e aquí podes ver o vídeo coa letra da canción:



www.lennykravitz.com

2011/07/07

Alicia Keys publica unha edición especial de "Songs in A minor"

A cantante, compositora e produtora Alicia Keys vén de publicar unha edición especial 10º Aniversario (Deluxe e Collector) do seu álbum de debut "Songs in A minor". O disco vendeu máis de 12 millóns de exemplares en todo o mundo na súa edición orixinal e con el Alicia Keys gañou o seu cinco primeiros Grammy (conseguiu 14 en total).
Nesta edición 10º Aniversario, Keys engade ao contido orixinal temas inéditos, unha remestura da "Woman's Worth" con Nas, outra de "Juiciest", a versión para cinema de "Fallin'" e as non publicadas "Typewriter", "If I Was Your Woman (Orixinal Funky Demo)" e "Foolish Heart (Intimate Piano Version)".
A edición Deluxe contén dous CD e a Collector tres, cunha presentación moi especial e un libreto con novos textos escritos por Alicia Keys. A Collector Edition tamén inclúe un documental realizado especialmente para este lanzamento con novas entrevistas coa artista e os seus colaboradores que falan sobre as cancións do álbum. Ademais, por primeira vez, tamén se lanzará unha edición especial en vinilo.

www.aliciakeys.com

2011/07/06

Carlos Baute presenta o 3º single e novas mesturas de "Amarte Bien"

Hoxe estréase a nivel internacional o novo vídeo clip de Carlos Baute. O seu terceiro single "Tu cuerpo Bailando en tu cuerpo" é o tema máis sensual do disco. Unha canción que se inspira na música das mellores películas de Quentin Tarantino. Os arranxos teñen un "feeling californiano - mexicano" mesturando guitarras, metais e percusión.
O vídeo clip gravouse a finais do mes de maio en Arxentina.  Realizado por Ezequiel González, conta coa participación de dous grandes actores arxentinos: Jimena Barón e Nico Vázquez. O videoclip segue a dinámica dos dous vídeos anteriores. Carlos percorre Latinoamérica coa súa música vivindo diferentes situacións.
Doutra banda, Baute volve a  reinventarse cunha remestura xunto a un dos DJ´s máis importantes do panorama actual, Juan Magán. Unha mestura explosiva que sen dúbida se converterá en todo un éxito nas pistas baile.



www.carlosbaute.com

2011/07/05

Paramore presentan "Monster", incluída na B.S.O. de "Transformers"

O pasado 14 de xuño saíu á venda a B.S.O. de "Transformers: Dark Of The Moon" a terceira entrega da saga que se estreou en cinemas o pasado 29 de xuño.
O tema de Paramore "Monster" é o segundo single desta banda sonora, unha canción inédita que chega despois do éxito que conseguiron con "The Only Exception", tema incluído no seu aclamado terceiro álbum "Brand New Eyes".
Ademais, o próximo 11 de xullo a banda actuará por primeira vez en España, no  festival para todos os públicos "U18" dentro da súa actual xira Europea.


www.paramore.net